CURSO DE FORMACIÓN EN MEDIACIÓN ESCOLAR

Un ano máis, por terceiro ano consecutivo, desde a comisión de convivencia do CIFP Porta da Auga seguimos apostando pola formación do noso alumnado na resolución pacífica de conflitos e no coñecemento e práctica das habilidades que permiten establecer vías dialogadas para a resolución dos mesmos, como a mediación. Á volta das vacacións de nadal, durante os días 12,14 e 18 de xaneiro, impartiranse 3 sesións teorico-prácticas nas que se abordarán conceptos clave, tanto para a comprensión do potencial educativo do conflito, como para a práctica de estratexias e habilidades que nos permitan afrontar e resolver os mesmos de xeito positivo. O alumnado que remate a formación pasará a formar parte do equipo de mediadoras/es do CIFP Porta da Auga.

ENTREGA DE PREMIOS CONCURSO DE MÁSCARAS

O pasado 25 de novembro, con motivo da conmemoración do día internacional contra a violencia de xénero, realizouse un concurso de deseño de máscaras de protección no que podía participar todo o noso alumnado. Despois de valorar o resultado de todos os deseños presentados, a comisión de igualdade nomeou gañadora á alumna de 2º de educación infantil, Lorena Rodríguez Alvite, á que se lle fixo entrega dun vale de compra por valor de 50 euros para gastar no mercado local de Ribadeo e que tamén foi recoñecida empregando o seu deseño para estampar as máscaras que posteriormente se repartirían entre toda a comunidade educativa do Porta da Auga.