Actividades na Biblioteca Porta da Auga polas “Letras Galegas 2021”

Como ben sabedes achégase a xornada máis importante do ano relativa á nosa lingua e dende a biblioteca temos unha manchea de propostas para toda a comunidade educativa:

  • “PORTÈMON. Edición Letras Galegas”: xogo de “caza” de autores e autoras galegas polas zonas comúns do centro. As persoas participantes, en grupo de máximo 4 integrantes, buscarán os “Portèmons” e cos seus móviles terán que resolver as probas que lles presenta cada un deles. Todas as persoas interesadas poden pasar a anotarse pola bibioteca a partires do mércores 19 de maio, quen consiga acabar o xogo recibirá un agasallo!

CARTEL "PORTÉMON: EDICIÓN LETRAS GALEGAS"

  • “Ti non es de aquí?”: a biblioteca adquiriu dous xogos tipo Trivial Galego, unha edición xuvenil e outra de adultos. Queda á vosa disposición, podedes solicitar o seu préstamo na biblioteca.

  • Xela Arias: a Deputación de Lugo achegounos as seguintes obras da autora homenaxeada nesta edición das letras, están todas expostas na zona da entrada da biblioteca:

    • Xela quixo ser ela (Xerais)

    • Poesía reunida (Xerais)

    • Intempestiva (Galaxia)

    • Non te amola (Galaxia)

    • Darío a diario (Xerais), que xa formaba parte da colección antiga da biblioteca

  • Ler en galego: exposión na zona infantil da biblioteca de diferentes fondos en lingua galega para as crianzas.

  • Films: a biblioteca ten dentro do seu catálogo de fondos filmografía rodada en Galicia, e en Galego. Ao igual que o resto dos fondos quedan á vosa disposición por se queredes realizar algunha actividade dende os vosos departamentos ou co voso alumando.

Esperamos que toda esta información sexa do voso interese e que podades difundila entre os vosos equipos docentes e alumnado. Lembrade que a biblioteca do centro está aberta a todas as persoas que formamos parte desta comunidade educativa.

Esperamos por vós!!

Xornada da Diversidade Sexual

A Xornada da Diversidade Sexual organizada pola nosa Comisión de Igualdade e celebrada o pasado venres resultou unha experiencia máis que positiva para o alumnado e profesorado participante; ambiente rico en reflexións, aportacións e sensibilidade con motivo do Día contra a LGTBIfobia (17 de maio). Grazas ás ponentes polo seu bo facer e disposición, á organización e, como non, ao alumnado e profesorado participante!

Participación no III Concurso de Podcast “Radio na Biblio”

Alumnado e profesorado dos Ciclos Formativos Básicos de Servizos Administrativos e Mantemento de Vehículos, así como tamén do primeiro curso do Ciclo Formativo de Educación Infantil, veñen de participar no III Concurso de Podcast “Radio na Biblio”, convocado pola Consellería de Educación, con motivo das Letras Galegas. Os podcast foron realizados e editados no propio centro.

Podedes disfrutar escoitándoos:

Podcast “Achega a Xela Arias”

Podcast “Mil razóns para usar a lingua materna”