Participación no programa NATURÉZATE-Plan Proxecta

No curso 22/23 que acaba de rematar, o alumnado dos Ciclos Formativos de Grao Básico en Servizos Administrativos e Mantemento de Vehículos participou en diversas actividades complementarias relacionadas co módulo de Ciencias Aplicadas.  Entre estas accións destacou a participación no programa Naturézate do Plan Proxecta, a través da súa liña “Voando no inverno”, asociada ao coñecemento das aves invernantes e dos ecosistemas húmidos costeiros que empregan para descansar e alimentarse.

 

O proxecto AVES E NATUREZA EN RIBADEO buscou achegar ao alumnado aos ecosistemas e espazos naturais protexidos da contorna, empregando as aves coma un recurso educativo que permite apreciar a gran diversidade de especies deste grupo faunístico e o papel que desenvolven nos ecosistemas.

 

 

 

 

 

O grupo das aves, a diferenza doutros coma insectos ou mamíferos, resulta un dos máis ricos en especies que poden ser relativamente doadas de observar de día con materiais sinxelos coma uns binoculares e un pouco de paciencia. Isto permite apreciar a riqueza de ecosistemas próximos e valorar a importancia da conservación destes e sentirse partícipes na toma de decisións neste sentido.

 

Traballamos en base a dúas actividades nas que participou alumnado de 1º e 2º cursos de Ciclo de Grao Básico en Servizos Administrativos e Mantemento de Vehículos.

  • A primeira das actividades consistiu na asistencia a unha charla e un obradoiro ofertados polo propio programa Naturézate. O alumnado asistiu na mesma xornada a unha charla titulada “Achegamento á biodiversidade galega”, na cal os estudantes puideron coñecer os principais espazos naturais e ecosistemas asociados da nosa comunidade, así como os principais grupos faunísticos e de flora.
  • A segunda delas consistiu nunha visita a un humidal protexido para a observación de aves acuáticas invernantes. O obxectivo era que o alumnado puidese estudar e comprender como funciona un ecosistema dunha ría-estuario e comprender a súa importancia coma lugar de alimentación e refuxio para moitas especies de aves residentes e migratorias. O humidal escollido pola súa facilidade de acceso e a diversidade de especies foi a Ría de Ribadeo, que percorrimos por ambas as beiras seguindo as aves que se ían desprazando coa marea. Aproveitamos o desprazamento para antes facer un pequeno percorrido pola costa de Ribadeo, enmarcada dentro do ZEC As Catedrais, onde tamén puidemos avistar diferentes especies de aves comúns e invernantes. O alumnado participante informouse previamente sobre os lugares a visitar e as aves que se poderían observar e entras as accións levadas a cabo están a elaboración dun tríptico para a visita e a realización de fichas de rexistro para as aves avistadas. Tamén subimos as citas das aves invernantes a través da plataforma internacional iBird.