ACTIVIDADE COA ILUSTRADORA MARÍA LUISA TORCIDA

O pasado mércores 8 de maio visitounos a ilustradora María Luisa Torcida, para dar unha charla en 1° do CS de EI e facer dinámicas de debuxo aplicables ás aulas de Infantil. María Luisa ten unha gran traxectoria profesional como autora de máis de 70 títulos de publicacións xerais, colaborado en centos de libros de texto e métodos, así como traballando para empresas como Anaya, Bruño, Santillana , Edelvives, SM, ou Vicens Vives.

FINANZAS PARA MORTAIS: COMO XESTIONAR MELLOR A TÚA ECONOMÍA

O pasado 30 de abril, dentro do programa FINANZAS PARA MORTAIS de Eduemprende, tivo lugar a sesion formativa “COMO XESTIONAR MELLOR A TÚA ECONOMÍA”, impartida por Marta San José Morala do Banco Santander, e á que acudiu o alumnado de 1º FP BÁSICA. Neste actividade traballáronse varios conceptos, entre eles: como calcular e aumentar a capacidade de aforro, ciberseguridade, como abrir unha conta bancaria, como facer transferencias bancarias e Bizum de maneira segura, operacións financieiras online, tipos de tarxetas bancarias (débito, crédito e prepago), e da seguridade das chaves bancarias.

XORNADA SOBRE XOGOS E XOGUETES DE TEMPOS PASADOS

O xoves 2 de maio volvimos con forza ao centro despois do festivo. Tivemos unha xornada chea de xogos e de volta á infancia e aos antigos tempos.
Primeiro gozamos dunha exposición de xogos e xoguetes cedidos por parte do Claustro do centro, onde vimos a evolución do xogo e do xoguete… Ata puidemos xogar coas antigas consolas!
Para rematar contamos cunha sesión dobre con Paco Veiga, membro e fundador da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, que nos mostrou unha chea de recursos para a nosa futura labor como docentes e coidadores, así como a importancia pedagóxica que ten o xogo e o xoguete.
Na última sesión puidemos comprobar de maneira pràctica con 18 estacións todos eses xogos: o tiro ao prato, o tirachinas, os birlos, os zancos, meter o aro na botella… Ata xogamos cunhas carrilanas!
Grazas Paco por facernos voltar á nosa infancia!

VISITA ÁS INSTALACIÓNS DE APERSA LUGO

O dia 24 de abril, o alumnado de primeiro curso do CM de Electromecánica do CIFP porta da auga realizaron unha visita ás instalacións de APERSA Lugo, pertencente ao grupo Pérez Rumbao. APERSA é concesionario oficial da marca Volkswagen.
Alí puideron ver o funcionamento interno dun concesionario oficial, os procesos de traballo que se levan a cabo e os altos niveis de esixencia que se acadan a día de hoxe nun taller. En APERSA Lugo contan con 23 traballadores/as, e moitos dos postos que demandan poden ser desempeñados polo noso alumnado unha vez rematen os estudos que están realizando no CIFP Porta da Auga.