DÍA DE ROSALÍA

Este luns 24 de febreiro celebramos o Día de Rosalía que se conmemorou na xornada de onte co gallo do seu nacemento hai 188 anos.

O alumnado de 1º ASPD confeccionará un gorentoso “Caldo de gloria” que poderá degustar a comunidade educativa amenizada por unha foliada de gaiteiros e gaiteiras. O mesmo grupo e o alumnado de 1º de Infantil efectuarán a lectura do poema “Miña casiña. meu lar” da egrexia autora e realizarán cadros e collage que se exporán ao longo do centro.

CONMEMORACIÓN DO ANO CASTELAO 2025

O CIFP Porta da Auga conmemora ao longo de todo este ano 2025 a figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, referencia icónica e transversal da nosa identidade e personaxe vertebral da nosa arte, política e historia vencellada ao nacionalismo antifascista galego, de cuxa morte se cumpren 75 anos o 7 de xaneiro.

Para homenaxear ao intelectual de Rianxo levaranse a cabo varias iniciativas. Entre elas cómpre salientar a exposición da súa obra en diferentes expositores situados en lugares estratéxicos do centro, a colocación de cartaces e debuxos elaborados polo alumnado, a confección dun mural nunha das paredes exteriores do CIFP e a representación ao final de curso da súa única peza teatral, Os vellos non deben namorarse, adaptada para a ocasión.

CERTAME FOTOGRÁFICO: FOTOLOXÍA DA MARIÑA

Este vindeiro marzo celebraremos no centro o I certame de fotografía “Fotoloxía da Mariña“, no que poderán participar alumnado, persoal docente e non docente, nace co obxectivo de que os/as participantes expresen a través de imaxes a esencia e singularidade da contorna en que viven e a compartan con toda a comunidade educativa.

A pesar de que a temática aparece reflectida nas bases (fotografías relacionadas coa natureza, paisaxe rural ou urbana, sustentabilidade, actividades humanas vinculadas co territorio…) a idea é non restrinxir a creatividade dos/das participantes permitindo un espectro o máis amplo posible no que a única condición é a localización na Mariña ou no Occidente asturiano, pois a maioría do noso alumnado ten esa procedencia.

Consulta as bases e participa!

DÍA DA CANDELORIA NO CIFP PORTA DA AUGA

O domingo 2 de febreiro celebramos no centro o día da Candeloria, festividade relacionada coa chegada da primavera e asociada tradicionalmente ao amor na cultura galega. O alumnado elaborou un mural nunha das paredes interiores do centro cubrindo unhas pequenas tiras de papel con frases, ditos, comentarios e/ou citas musicais ou literarias vinculadas co amor, a amizade e o afecto en xeral. Alén disto, na biblioteca creouse un photocall onde a rapazada puido fotografarse, na cortiza de Normalización presentouse información e fixéronse e distribuíronse marcapáxinas sobre a celebración para os/as participantes.

DÍA DA PAZ E DA NON VIOLENCIA NO CIFP PORTA DA AUGA

O venres 31 de xaneiro, desde as coordinacións de Convivencia, Igualdade, Normalización Lingüística e Biblioteca, conmemoramos no centro o Día da Paz e da Non Violencia. Para tal fin desenvolveuse a actividade “As guerras invisibles” na cal cada grupo-aula se informou sobre un conflito en curso descoñecido ou invisibilizado mediaticamente para logo presentalo nun acto celebrado na biblioteca, decorada para a ocasión con collages sobre as diferentes conflagracións.

II XORNADAS DE PROMOCIÓN DA OFERTA FORMATIVA DO CIFP PORTA DA AUGA

O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Porta da Auga de Ribadeo celebrará as II Xornadas de promoción da súa oferta educativa de Formación Profesional. As xornadas terán lugar os días 26 e 27 de febreiro, achegando ao alumnado dos centros da contorna á diversidade de titulacións e programas formativos que o centro ofrece, destacando a conexión directa das ensinanzas coas necesidades do mercado laboral.

VISITA DE ÁLEX FERRADÁS AO CIFP PORTA DA AUGA

O pasado martes 19 de febreiro achegouse ao noso centro Álex Ferradás, persoa con discapacidade física, tetraplexia, a consecuencia dun accidente. Nun encontro co alumnado de 1º e 2º curso do Ciclo Formativo de Grao Medio de Atención a Persoas en Situación de Dependencia, explicoulles o seu día a día e a importancia que os nosos futuros profesionais terán no desenvolvemento do proxecto de vida de persoas coma él.

VISITAS Á RESIDENCIA COMUNITARIA “LA VILLA” EN RINLO, E Á FUNDACIÓN “EU SON” EN BURELA

O pasado día 4 de febreiro, o noso alumnado de 1º e 2º Ciclo Formativo de Grao Medio en Atención a Persoas en Situación de Dependencia estivo visitando dous recursos: a vivenda comunitaria para persoas maiores “La Villa”, en Rinlo e, posteriormente as instalacións e actividades da fundación “Eu son”, en Burela, concretamente o centro de día e o centro ocupacional para persoas con discapacidade intelectual.