DÍA DE ROSALÍA

Este luns 24 de febreiro celebramos o Día de Rosalía que se conmemorou na xornada de onte co gallo do seu nacemento hai 188 anos.

O alumnado de 1º ASPD confeccionará un gorentoso “Caldo de gloria” que poderá degustar a comunidade educativa amenizada por unha foliada de gaiteiros e gaiteiras. O mesmo grupo e o alumnado de 1º de Infantil efectuarán a lectura do poema “Miña casiña. meu lar” da egrexia autora e realizarán cadros e collage que se exporán ao longo do centro.

CONMEMORACIÓN DO ANO CASTELAO 2025

O CIFP Porta da Auga conmemora ao longo de todo este ano 2025 a figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, referencia icónica e transversal da nosa identidade e personaxe vertebral da nosa arte, política e historia vencellada ao nacionalismo antifascista galego, de cuxa morte se cumpren 75 anos o 7 de xaneiro.

Para homenaxear ao intelectual de Rianxo levaranse a cabo varias iniciativas. Entre elas cómpre salientar a exposición da súa obra en diferentes expositores situados en lugares estratéxicos do centro, a colocación de cartaces e debuxos elaborados polo alumnado, a confección dun mural nunha das paredes exteriores do CIFP e a representación ao final de curso da súa única peza teatral, Os vellos non deben namorarse, adaptada para a ocasión.

CERTAME FOTOGRÁFICO: FOTOLOXÍA DA MARIÑA

Este vindeiro marzo celebraremos no centro o I certame de fotografía “Fotoloxía da Mariña“, no que poderán participar alumnado, persoal docente e non docente, nace co obxectivo de que os/as participantes expresen a través de imaxes a esencia e singularidade da contorna en que viven e a compartan con toda a comunidade educativa.

A pesar de que a temática aparece reflectida nas bases (fotografías relacionadas coa natureza, paisaxe rural ou urbana, sustentabilidade, actividades humanas vinculadas co territorio…) a idea é non restrinxir a creatividade dos/das participantes permitindo un espectro o máis amplo posible no que a única condición é a localización na Mariña ou no Occidente asturiano, pois a maioría do noso alumnado ten esa procedencia.

Consulta as bases e participa!

DÍA DA CANDELORIA NO CIFP PORTA DA AUGA

O domingo 2 de febreiro celebramos no centro o día da Candeloria, festividade relacionada coa chegada da primavera e asociada tradicionalmente ao amor na cultura galega. O alumnado elaborou un mural nunha das paredes interiores do centro cubrindo unhas pequenas tiras de papel con frases, ditos, comentarios e/ou citas musicais ou literarias vinculadas co amor, a amizade e o afecto en xeral. Alén disto, na biblioteca creouse un photocall onde a rapazada puido fotografarse, na cortiza de Normalización presentouse información e fixéronse e distribuíronse marcapáxinas sobre a celebración para os/as participantes.