No caso de solicitarse información por parte de terceiros no relativo a alumnado maior de idade, e en cumprimento da lexislación vixente sobre protección de datos de caracter persoal, infórmase que:
Os pais/ nais/ titores/as legais poderán ser informados das cualificacións e absentismo escolar dos seus fillos e fillas maiores de idade cando corran cos seus gastos educativos ou de alimentación, ao existir un interese lexítimo derivado do seu mantemento, sempre que do exercicio do dereito de oposición pola persoa interesada (o/a alumno/a maior de idade) non resulte outra cousa.
BAIXO ESTAS CIRCUNSTANCIAS PODERÍAN DARSE VARIOS CASOS QUE SE RESOLVERÍAN DO SEGUINTE XEITO:
1.- Os pais/ nais/ titores/as legais solicitan información, e o alumno/a maior de idade non está de acordo en que sexa trasladada aos seus proxenitores.
Os pais/ nais/ titores/as legais deben solicitar formalmente a información a través dun escrito asinado que presentarán no rexistro de entrada do centro. A continuación procederase a darlle traslado ao/a alumno/a para que este/a, no seu caso, poida opoñerse a que se facilite a información se o desexa, indicando a razón para tal oposición. Para isto debe xustificar e probar que é economicamente independente, e en tal caso non podería facilitárselles a información demandada.
Neste caso o Equipo Directivo facilitaralle ao/a alumno/a o documento: modelo de comunicación ao/a alumno/a maior de idade.
O prazo de oposición é de 10 días dende a recepción deste documento, tendo que aportar probas de que é economicamente independente.
Se se opón pero resulta economicamente dependente dos proxenitores/titores legais, estes poderán ser informados exclusivamente das cualificacións e absentismo escolar.
2.- Os pais/ nais/ titores/as legais solicitan información, o alumno/a maior de idade está de acordo en que sexa trasladada aos seus proxenitores pero non está presente durante o proceso.
Non é necesario que os pais/nais/titores/as legais presenten solicitude formal. O alumnado que consinte que se lle dea información a terceiros sobre información de cualificacións e absentismo escolar deberá asinar o modelo interno: modelo de autorización de información a terceiros para alumnado maior de idade.
Este documento debe ser cuberto para cada acción informativa.
A información pode trasladarse mediante comunicación escrita, vía telefónica ou presencial, como por exemplo a través dunha reunión ou titoría cos pais/nais/titores/as legais.
3.- Alumno/a maior de idade acode a unha reunión/titoría acompañado dos proxenitores ou titores legais.
Este feito xa supón a súa autorización para que estes reciban información. Non é preciso asinar ningún documento ao respecto, aínda que se recomenda cubrir o modelo de autorización de información a terceiros para alumnado maior de idade.
IMPORTANTE: No caso de que nesta reunión/titoría se vaian a abordar outros aspectos máis alá da información sobre cualificacións e absentismo escolar, deberá trasladárselle esta casuística ao alumno/a previamente, para que decida se quere ou non que os proxenitores/titores legais sexan informados ao respecto.