O departamento da Familia Profesional de Servizos Socioculturais e á Comunidade ten atribuída docencia nos seguintes ciclos formativos:
– Ciclo Formativo de Grao Superior en Educación Infantil.
– Ciclo Formativo de Grao Medio en Atención a Persoas en Situación de Dependencia.
No caso do ciclo de grao superior, ademais do período de prácticas ou módulo de Formación en Centros de Traballo (FCT), o alumnado debe cursar paralelamente outro módulo denominado Proxecto de Atención á Infancia. No ciclo medio só se realiza o período de prácticas ou FCT.
Ademais da docencia que imparte o profesorado deste departamento, os dous ciclos posúen módulos de carácter transversal como son Formación e Orientación Laboral e Empresa e Iniciativa Emprendedora, que imparte profesorado doutro departamento. Tamén hai outros módulos (Primeiros Auxilios, Atención Sanitaria e Atención Hixiénica) dos que é responsable profesorado doutras especialidades.
Na Familia profesional de Servicios Socioculturais e a Comunidade impartimos dous ciclos formativos
Este módulo proporciona os coñecementos necesarios sobre o proceso de adquisición de autonomía para que o alumnado poida desenvolvelo na práctica profesional. Deste xeito, estará en condicións de poder axudar o neno ou nena no seu proceso de construción persoal, favorecer a interacción co medio, traballar a adquisición de hábitos que contribúan á súa autoafirmación e desenvolvemento de forma sa e saudable, así como a adquirir cada vez maior independencia das persoas adultas; nunha palabra, ter autonomía.
Neste módulo analízanse os aspectos que inflúen na aprendizaxe e no desenvolvemento nos primeiros anos de vida da persoa. Grazas a isto, o alumnado obterá, por un lado, as ferramentas suficientes para planificar, implementar e avaliar estratexias e, por outro lado, actividades e recursos para a intervención nos ámbitos sensorial, cognitivo, motor e psicomotriz, dende os 0 aos 6 anos.
O módulo ten por obxectivo que o alumnado entenda a necesidade da educación emocional das crianzas. Entre outros contidos, trabállase a análise da afectividade infantil, especialmente a vinculación do apego e a planificación do período de adaptación. Ademais, estúdase o proceso de socialización na infancia, o conflito, o desenvolvemento moral, a sexualidade, os trastornos de conduta máis frecuentes, a planificación da intervención no ámbito socioafectivo e a avaliación da intervención.
O módulo de didáctica da educación infantil está deseñado para traballar diferentes aspectos que lle dan soporte ao traballo coa infancia en calquera contexto formal (até os 3 anos) e non formal (até os 6 anos). Nel trabállanse contidos de normativa de protección da infancia, lexislación educativa, o propio perfil do e da profesional, os antecedentes históricos da educación, as achegas e principios metodolóxicos máis relevantes da psicoloxía aos procesos de aprendizaxe e a planificación educativa e a súa avaliación.
O neno e a nena teñen cen linguaxes, cen mans, cen pensamentos, cen maneiras de sentir, de xogar e de falar, cen sempre, cen maneiras de escoitar, de sorprenderse, de amar, cen alegrías para cantar e entender, cen mundos que descubrir, cen mundos que inventar, cen mundos que soñar… (As cen linguaxes do neno. Loris Malaguzzi)
Cando falamos de Expresión e Comunicación, referímonos, por unha banda, ao proceso de comunicación humana e as distintas formas de expresión (rítmico-musical, lóxico-matemática, plástico-icónica, linguaxe oral, literatura infantil, xestual e corporal -todo isto na etapa de 0 a 6 anos) e, por outra banda, tamén nos referimos aos proxectos de intervención que favorecen o seu desenvolvemento comunicativo e expresivo. Unha viaxe suxestiva e, esperemos, que proveitosa.
O obxectivo deste módulo é que o alumnado coñeza habilidades sociais para desenvolver a profesión de educador ou educadora infantil e poder interactuar axeitadamente con outras persoas. Este é un módulo moi procedemental no que se traballan contidos de resposta actitudinal en diferentes situacións de intervención, execución e avaliación profesional. Entre outros aspectos, nel trabállanse o desempeño de roles, a xestión de conflitos e a dinámica de grupos, así como a avaliación da competencia profesional.
Este módulo céntrase na familia como institución social na que vive o neno ou nena e está proposto para que os e as futuras profesionais da educación infantil coñezan as distintas situacións nas que se poden atopar as crianzas. Entre outros aspectos, no módulo estúdanse contidos relativos á normativa aplicable, medidas legais para a protección da infancia, os organimos relacionados con ela, os recursos de intervención e protección, a planificación da intervención, os programas máis relevantes, a institución familiar, o maltrato infantil, os servizos sociais e a avaliación da intervención socioeducativa con menores e con familias.
Nunha primeira ollada, para todos nós, xogar é entreterse, divertirse e, en definitiva, evadirse da realidade por un momento. Pero dende outro punto de vista, o xogo é o tesouro que gardamos dende nenos e nenas, é a ferramenta que utilizamos dende que nacemos para coñecermos o mundo que nos rodea. Desta forma, xogar é tamén explorar, tocar, recoñecer, investigar, descubrir os propios límites e superalos…
Algunhas teorías defenden que todo facer humano non é máis que xogar, incluso chegada á idade adulta, onde todos e todas, segundo a situación que vivamos, somos capaces de asumir un determinado rol, de adaptarnos á realidade e, o mellor de todo, de transformala.
Neste sentido, podemos chegar á conclusión de que o xogo é algo moi serio, unha peza clave no desenvolvemento integral do neno e nena e, por extensión, da sociedade. A través do xogo, chegamos a aprendizaxes naturais, gañamos confianza, potenciamos os talentos, dámoslle valor ó colectivo, á creatividade e á cooperación; aprendemos a aprender, a facer e a ser.
Protexer, alertar, socorrer… Sóache? Todos deberíamos coñecer unhas pautas básicas de primeiros auxilios, así que pensa no importante que é cando traballamos directamente coas persoas. A nosa intervención ante unha situación de emerxencia antes de que chegue a asistencia sanitaria pode ser determinante para salvar unha vida, polo que entenderás que resulte imprescindible que nos formemos ao respecto. Neste módulo, centraremos a aprendizaxe a partir de catro aspectos fundamentais: a valoración inicial da asistencia nunha urxencia, a aplicación de técnicas de soporte vital básico, os procedementos de mobilización e inmobilización da persoa accidentada e o coñecemento de técnicas de apoio psicolóxico e de autocontrol.
A atención que require unha persoa en situación de dependencia non é unicamente física, senón que contén unha gran compoñente psicosocial.
Esta visión integral require que se teñan en conta os distintos aspectos da persoa en situación de dependencia, abandonando a perspectiva unicamente asistencial e contribuíndo ao mantemento e desenvolvemento das súas capacidades. Para isto, deberemos coñecer diversas técnicas e estratexias e desenvolver habilidades adaptadas á situación de cada persoa.
Teremos que informarnos sobre o espazo e os materiais dispoñibles, sobres as estratexias de apoio psicosocial e sobre a resolución de variadas xestións habituais.
Co obxectivo de facilitar a comunicación, a convivencia e a relación social con e entre persoas en situación de dependencia, teremos que coñecer tamén de que recursos e servizos de apoio social e ocupacional se dispoñen para atender as necesidades que xurdan.
A importancia deste módulo do Ciclo de Atención a Persoas en Situación de dependencia, radica en que é parte esencial da competencia xeral do ciclo formativo: ”atender as persoas en situación de dependencia, no ámbito domiciliario e institucional, co fin de manter e mellorar a súa calidade de vida realizando actividades asistenciais, psicosociais e de apoio a xestión doméstica, aplicando medidas e normas de prevención e derivádoas a outros servizos cando sexa necesario”. Entón, intentaremos aprender como organizar unha casa e a sistematizar e educar o usuario, para buscar a autonomía dentro do seu domicilio.
Neste ciclo, o obxecto da nosa aprendizaxe son as persoas. Pode parecer algo obvio, pero dende o primeiro momento intentaremos transmitirche o importante que é coñecer as persoas e as súas circunstancias. No módulo Características e necesidades das persoas en situación de dependencia, traballaremos para coñecer a fondo os colectivos que están ou poden estar en situación de dependencia: persoas maiores, persoas con discapacidade, persoas con enfermidades xeradoras de dependencia, persoas con enfermidade mental… porque canto máis saibamos sobre a xente coa que imos traballar coma profesionais nun futuro, máis preparados estaremos para entender as súas necesidades e así poder poñer o que estea na nosa man co fin de preservar ou mellorar a súa calidade de vida.
Cada persoa é un mundo. Somos seres irrepetibles, cada un/unha co noso temperamento, co noso carácter e, con todo o dereito… coas nosas virtudes e defectos. Pero cando o noso labor está centrado nas persoas, hai certas cousas que temos que traballar, independentemente de que ás veces, nolo pida o corpo ou non. Parácheste a pensar no importante que é para nós o feito de que os demais nos saiban escoitar, ou que alguén se preocupe de poñerse no noso lugar para entender un problema? Simplemente pensa no que pode significar para ti o pequeno xesto de que alguén che sorría cando o necesitas. Neste módulo falaremos da intelixencia emocional, da importancia da comunicación entre as persoas, do traballo en equipo, de como xestionar os conflitos e, por suposto, da empatía… Todo resulta máis doado para todos e todas se potenciamos as nosas capacidades comunicativas e entendemos a necesidade de aprender a poñernos no lugar dos demais.
Cantas veces oirías falar do Estado do benestar nos medios de comunicación?Un dos piares deste estado pasa pola obriga de que o noso país oferte unha rede que garanta a atención ás persoas en situación de dependencia. Neste módulo comezaremos a traballar precisamente isto. Analizaremos o proceso de valoración da dependencia, os recursos dispoñibles e a tipoloxía de centros que podemos atopar en función das características e circunstancias das persoas usuarias. Coñeceremos a organización interna dos centros residenciais e analizaremos cales son as túas competencias no ámbito de traballo, ademais dos perfís profesionais que conformarán o resto do teu equipo interdisciplinar. Valoraremos tamén a importancia da supresión das barreiras na procura da accesibilidade universal e coñeceremos os diferentes tipos de apoio á disposición dos usuarios en situación de dependencia co fin de promover ao máximo a súa autonomía persoal.
Todos os días, dende que nos erguemos ata que nos deitamos, o único que non deixamos de facer é comunicarnos; a través das palabras, dunha mirada, dun sorriso… estamos continuamente transmitindo e recibindo mensaxes sobre nós e as demais persoas.
Malia ser un eixo fundamental das nosas accións, normalmente non somos moi conscientes da importancia da comunicación na sociedade. Se experimentásemos, por exemplo, a sensación de non poder ver ou escoitar ó longo de todo un día, bateriamos bruscamente contra as chamadas “barreiras de comunicación” e dariámonos conta da importancia de contarmos con medios e persoas que poidan rachar con eses muros e facer accesibles todos os ámbitos da sociedade.
Para que a sociedade sexa realmente accesible, é preciso en primeiro lugar, recoñecer a diversidade e darse conta de que as persoas, segundo as súas características, comunícanse de forma diferente: as persoas xordas empregan a linguaxe de signos, as persoas cegas empregan o sistema braille e a audiodescrición… Coñecendo esta diversidade e dándollle o mesmo valor ás distintas formas de comunicación, xa estamos no primeiro paso para acadar a integración real de todos os colectivos na sociedade.
Imaxina o teu día a día sen o teléfono móbil, o ordenador ou internet. Pois as novas tecnoloxías da información e da comunicación tamén forman parte da atención ás persoas en situación de dependencia. Vocábulos como teleasistencia móbil, pulsador remoto, xeolocalización, detector de caídas, GPS, detector de presenza,… forman parte do léxico específico do módulo.
Aprenderás, entre outras cousas, como os avances tecnolóxicos axudan a vivir ás persoas maiores ou con algún tipo de dependencia e ás súas familias e coidadores.
Neste módulo aprenderás a xestionar as ferramentas, técnicas e habilidades para o servizo de teleasistencia, a tramitación das chamadas de teleasistencia, a utilización dos protocolos para a mobilización de recursos, a xestión de situacións de crise na teleasistencia, así como facilitar a prestación do servizo manexando as habilidades de traballo en equipo.
No ciclo que estás a consultar, observarás a importancia da atención integral cando falamos da atención ás persoas: trátase do que hoxe en día coñecemos como modelo de intervención biopsicosocial. Así, neste módulo en particular, abordaremos as necesidades das persoas coas que podemos traballar a partir da vertente sanitaria. No exercicio da súa profesión, o Profesional Técnico en Atención a Persoas en Situación de Dependencia deberá coñecer a anatomía e fisioloxía dos diferentes sistemas do corpo humano xunto coas principais patoloxías asociadas, así como as diferentes técnicas de mobilización, traslado e deambulación. Aprenderás tamén coñecementos relativos á administración de alimentos, apoio á inxestión e, de xeito global, todo canto se refire ás características das actividades de asistencia sanitaria asociadas ao teu ámbito de intervención.
Pouco esforzo temos que facer para lembrar as pautas que, “dende o principio dos tempos”, nos inculcaron na casa en relación aos hábitos de hixiene, así que imaxina por un momento o importante que pode resultar este aspecto no contexto da atención a persoas en situación de dependencia. No módulo Atención Hixiénica coñeceremos as diferentes técnicas de aseo e hixiene corporal, analizaremos a importancia do coidado da pel, estudaremos o tratamento e prevención das úlceras por presión e o proceso de recollida de mostras biolóxicas e eliminacións. Tamén nos ocuparemos das condicións ambientais ideais e, consecuentemente, da prevención e control de infeccións, da esterilización, da realización de camas ocupadas e desocupadas… en definitiva, de todo o relacionado coa aplicación de actividades de hixiene da contorna.
Protexer, alertar, socorrer… Sóache? Todos deberíamos coñecer unhas pautas básicas de primeiros auxilios, así que pensa no importante que é o asunto cando traballamos directamente coas persoas. Ante unha situación de emerxencia, a nosa intervención no período de tempo previo á asistencia sanitaria, pode ser determinante, polo que entenderás que resulte imprescindible que nos formemos ao respecto. Neste módulo, centraremos a aprendizaxe a partir de catro aspectos fundamentais: a valoración inicial da asistencia nunha urxencia, a aplicación de técnicas de soporte vital básico, os procedementos de mobilización e inmobilización da persoa accidentada e o coñecemento de técnicas de apoio psicolóxico e de autocontrol.
A competencia xeral deste título consiste en deseñar, pór en práctica e avaliar proxectos e programas educativos de atención á infancia no primeiro ciclo de educación infantil no ámbito formal (0-3 anos), consonte a proposta pedagóxica elaborada por un mestre ou unha mestra coa especialización en educación infantil ou título de grao equivalente, e en toda a etapa (0 a 6 anos) no ámbito non formal, xerando contornos seguros e en colaboración con profesionais e coas familias.
Dito o anterior, podemos concluir que as educadoras e educadores infantís levarán a cabo a súa labor profesional tanto no ámbito educativo formal, coma no non formal a través dos seguintes perfís profesionais:
Os perfís máis destacados neste ámbito son:
– Educadora ou educador en institucións ou en programas específicos de traballo con menores en situación de risco social
– Educadora e educador en centros de lecer
– Educadora e educador en ludotecas
– Educadora e educador en bibliotecas
– Educadora e educador en granxas escola
– Educadora e educador en casas da cultura
– Educadora ou educador infantil en escolas infantís de 0 a 3 anos, tanto públicas coma privadas, exercendo a súa labor baixo a supervisión dun/dunha titulado/a na especialización de educación infantil (mestre/a) ou equivalente.
Con carácter xeral, o perfil destes/as profesionais estará encamiñado a atender ás persoas en situación de dependencia no ámbito domiciliario e institucional, co fin de manter e mellorar a súa calidade de vida, realizando actividades asistenciais e non asistenciais, psicosociais e de apoio á xestión doméstica, aplicando medidas e normas de prevención e seguridade, e derivándoas a outros servizos en caso necesario.
A continuación pódense observar de xeito máis concreto algunhas das ocupacións habituais destes profesionais:
– Coidador/ora de persoas en situación de dependencia en institucións e/ou domicilios
– Coidador/ora en centros de atención psiquiátrica,
– Xerocultor/ora
– Gobernante/a e subgobernante/a en Institucións para persoas en situación de dependencia
– Auxiliar responsable de planta de residencias de maiores e persoas con discapacidade
– Auxiliar de axuda a domiclio
– Asistente de atención domiciliaria
-Traballador/ora familiar
– Auxiliar de educación especial
– Asistente persoal
-Teleoperador/ora de teleasistencia.